A memoria do río dá vida
Publicado en Nov 22, 2012
Prev
Next
A memoria do río dá vida
Xa pasaron moitos anos, que digo anos, mesmo décadas. Recordo que era inmensamente máis feliz do que agora son. E non é por recordar a mocidade, porque xa daquela tiña unha abundante traxectoria, neste mundo infiel, ás miñas costas. Xa coñecera os cambios que o paso do tempo fai no corpo. Mais de todos modos pódovos asegurar que era feliz, feliz de verdade.
Se tedes tempo vouvos narrar o motivo da miña ledicia, e como os golpes que dá a vida ma foron quitando aos poucos, e ultimamente máis á présa.
Na pequena aldea todos durmían, era a primeira noite da primavera, a noite do vinte e un ao vinte e dous de marzo. O vento frío que no inverno nos azoutaba dende o norte xa amainara, agora unha brisiña, xa algo cálida, movía compasadamente as follas das árbores. Cando xa estaba máis preto a mañá, oíanse os paxaros que estaban de volta das súas vacacións invernais e traían unha renovada gana de cantaruxaren no medio das silveiras.
Moi cerca de min, sentía a natureza en todo o seu esplendor. Botei unha ollada cara o ceo, completamente azul. Só cara o suroeste se apreciaban uns pouquiños cúmulos, ovalados que case parecían ovelliñas saltando unhas sobre as outras entre o harmonioso rumor daquela brisa; probablemente eran o anuncio das primeiras pingas de auga da estación, pero seguramente este día ía acabar sen choiva. Un paporroibo facía manobras arteiras sobre min, tratando a gravidade cun desprezo… ¡imposible de imaxinar para un ser non alado! Daba gusto velo, poñía vida nos meus ollos, e contribuía a facilitarme a miña alegría. A un lado fixeime naquelas pedras de cor branca, que coñecemos como seixos, ían arredondándose co paso do tempo. Aínda me acordo cando chegaron aquí, eran sen dúbida máis grandes; formaban esquinas e planos, onde cada amencer a luz da alba as facía brillar como espellos de diamante. ¡E pensar que parecían irrompibles! E tamén recordo os aromas dos milleiros de flores que espertaban cada mañanciña e enchían os prados dun amplo espectro de cores, atraentes para aquelas fermosas bolboretas, que non as desmerecían na variedade nin na intensidade cromática. E para as traballadoras abellas que sen descanso nin acougo recollían alimento e fabricaban tan delicioso mel.
Naqueles almanaques o que hoxe coñecemos como agricultura ecolóxica era a tradicional, e á que actualmente lle chamamos tradicional non existía. Dende a miña perspectiva contemplaba aos velliños do lugar dirixirse ás súas dilixencias diarias. Ás veces, facíanme cambiar un pouco a miña posición, pero comprendíao era polo ben das súas brañas, a humidade era imprescindible se querían ter herba que levar ás bocas dos seus animais no verán. Recordo aquelas chaeiras de inundación como se fora hoxe. Discorrían a ambos lados de onde o meu leito moraba, e pódese dicir, que os meus brazos as aloumiñaban sabedores da incrible diversidade biolóxica que albergaban no seu seo.
Un pouco máis lonxe estaban as leiras das patacas, do mainzo, das fabas, do trigo, do liño, e dun longo etcétera, que a xente de entón cultivaba con esmero, cariño e paciencia. O día que labraban a terra, moreas de lavandeiras, merlos ou carrizos baixaban a ras do chan. Había pequenos insectos para alimentalos a todos e sobraban os suficientes para conservar a especie sen perigo ningún.
A terra rompía con aqueles arcaicos arados romanos, feitos artesanalmente e con madeira dura, de castaño. Podían durar a vida de varías xeracións. Eu mesmo vin como pasaban de pais a fillos e a netos, e así sucesivamente. Os regos que se facían era rectos e pouco profundos, pois a xente de antes era consciente, aínda sendo carente de estudos, de que a parte proveitosa do terreo era só a superficie. Máis abaixo, na rocha nai, era imposible cultivar nada. Esas colleitas abonadas de esterco, fortalecían o solo a base de materiais orgánicos que gardaban un perfecto equilibrio co medio.
¡Ai, ai, ai! ¡Que pena! Se puidese berrar, berraría forte pedindo que eses recordos felices volveran ser presente. Pero é imposible. Agora diso xa pouco, ou nada queda. Nin sequera eu estou no lugar que me corresponde. ¡Fixéronme emigrar forzosamente!
Hoxe en día, século XXI, ¿vivimos ben? ¿Que é progreso?
Lémbrome agora, que se cumpriron uns corenta anos dende que sufrín o primeiro ataque severo. Por encima de onde eu vivo, pasou unha estrada e o que antes era un camiño veciñal pasou a ser unha pista de asfalto (obrigándome a pasar forzosamente por uns estreitos canais para cruzala).
O tráfico rodado, a revolución industrial, a tecnoloxía, o progreso… ¡Cada día estaban máis presentes na miña contorna! E isto só me trouxo dores de cabeza. A polución (non podo dicir que sexa comparable á dunha cidade) fíxome sufrir. Presenciei a morte de innumerables animais esmagados polos tolos que corren no seu coche e a desaparición de especies de peixes, coma troitas e reos que antes a diario podía sentir acariciando o meu ser.
¡A braña xa non é tal! Por un dos lados secárona. Un inmenso monte autóctono poboado por carballos, castaños, budios e outras moitas converteuse nunha pradería pola que a lixiviación fai escorregar augas ferruxinosas que escurecen a miña face. O uso abusivo de fertilizantes, xurros e herbicidas tóxicos fixéronme perder moitos seres veciños: tritóns, que antes nadaban felices, agora só son un lindo recordo; as flores, que antes mencionaba, cada vez son máis escasas, vexo como o seu lugar vai sendo ocupado paulatinamente por especies cultivadas repetitivas; non veñen os paxaros comer nas leiras recentemente traballadas, porque xa non hai insectos…
E por último, o que máis me doeu foi que me fixeran emigrar. O meu lar. O meu leito onde descansei dende tempos inmemoriais. Modificado e alterado pola man de individuos irresponsables para unha nova construción. Neste caso unha depuradora. ¿Cal será a súa función? ¿Verter no meu ser todo o refugallo da poboación humana da redonda?
Estou triste e probablemente non me quede outra que renderme e morrer.
Pero, non sen antes presentarme como é debido: Chámome Agudeiro e son, ou era, un pequeniño río, afluente do Lambruxo e á súa vez afluente do Lambre. Sei perfectamente que os demais tamén sofren, pero iso non me fai, nin moito menos, sentirme mellor. ¡Morreremos todos! A natureza e imprescindible para a vida humana e cando o comprendan espero que xa non sexa demasiado tarde.
¡Adeus! E espero que sexa un deica logo, e non un ata nunca…"
Página 1 / 1
Foto del autor Julián
Textos Publicados: 59
Miembro desde: Nov 20, 2012
0 Comentarios 402 Lecturas Favorito 0 veces
Descripción

Relato corto finalista del concurso de Relato curto de ADEGA 2011

Palabras Clave: Memoria Río Vida ADEGA Gallego Galicia

Categoría: Cuentos & Historias

Subcategoría: Relatos



Comentarios (0)add comment
menos espacio | mas espacio

Para comentar debes estar registrado. Hazte miembro de Textale si no tienes una cuenta creada aun.

busy